13 Ene 2022

AS FAMILIAS GALEGAS AFORRARÁN 360.000 EUROS AO ANO NA SÚA FACTURA ENERXÉTICA GRAZAS AO APOIO DA XUNTA A PROXECTOS DE BIOMASA

Publicado por oikos

AS FAMILIAS GALEGAS AFORRARÁN 360.000 EUROS AO ANO NA SÚA FACTURA ENERXÉTICA GRAZAS AO APOIO DA XUNTA A PROXECTOS DE BIOMASA —

 

O Goberno galego aproba por anticipado de gasto as bases da convocatoria destas axudas, coas cales se favorecerá a mobilización de 3,75 millóns de euros e a creación de 37 empregos —

A instalación dunha caldeira de biomasa supón reducir á metade o gasto con respecto ao gasóleo e un 30 % fronte ao gas natural —

Desde 2014, a Xunta ten colaborado na colocación de 8000 caldeiras nos fogares galegos

 O Consello da Xunta acordou, na súa reunión desta mañá, aprobar as bases da convocatoria para a implantación de proxectos de biomasa nos fogares galegos, o que permitirá un aforro anual, nas facturas enerxéticas, de 360.000 euros.

A Xunta, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, destinará 1,5 M€ a esta convocatoria de concorrencia non competitiva dirixida ás familias galegas e que se xestionará a través de entidades colaboradoras.

Agárdase mobilizar 3,75 millóns de euros no sector, conseguir aforros enerxéticos de 9000 MWh e impulsar a creación de 37 empregos, ademais de reducir as emisións de CO2 en 2700 toneladas ao ano, o equivalente á plantación de 135.000 árbores.

 A contía das axudas será dun 50 %, ata un máximo de 60.000 euros, para apoiar proxectos con fins de aforro enerxético que fomenten enerxías renovables, como é o caso da biomasa.

Para garantir o máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, elevados niveis de eficiencia e un bo comportamento con respecto ao ambiente.

 Con esta liña de axudas que abrirá no mes de xaneiro, o Goberno galego segue avanzando no seu obxectivo de fomentar o uso de enerxías renovables, neste caso nos fogares, coa importante redución dos custos enerxéticos que supón fronte a outro tipo de enerxías, e máis nun momento de escalada de prezos eléctricos.

Así, unha caldeira de biomasa supón aforros de ata o 50 % con respecto ao gasóleo e dun 30 % con respecto ao gas natural.

Nunha vivenda unifamiliar permite aforros de 1800 euros ao ano con respecto aos radiadores eléctricos

 A convocatoria complementará as axudas, xa en marcha, para impulsar proxectos de enerxías renovables térmicas dirixidas ao sector residencial, que conta cunha dotación de preto de 5,7 M€ para iniciativas de xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica, ademais de biomasa.

Neste caso, o obxectivo é mobilizar ao redor de 10 millóns de euros e acadar aforros económicos de 500.000 euros ao ano. Desde o ano 2014 a Xunta xa leva apoiado a instalación derredor de 8000 caldeiras de biomasa.

Este mesmo ano, o Goberno galego concedeu 824 axudas por un importe de 1,96 millóns de euros, que permitiron instalar unha potencia próxima aos 15MW.